Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloHeterolingüismo e contacto de linguas. Análise da obra de Luz Pichel
AutoríaRexina Rodríguez Vega (UVIGO)
ResumoNo presente traballo propoñémonos levar a cabo unha caracterización lingüística e textual daquelas obras da poeta Luz Pichel que xogan abertamente coa interferencia lingüística na dobre dirección castelán-galego, galego-castelán á procura da creación dun imaxinario alternativo da linguaxe que pon en cuestión non poucas das ideas lingüísticas socialmente aceptadas.

As alternancias lingüísticas dos poemarios heterolingües Cativa en su lughar (2013), Tra(n)shumancias (2015) e CO CO CO U (2017) serán analizados de acordo a diferentes variables de forma e función.

Entre as entre as variables da forma incluiremos as seguintes: lingua matriz/ lingua integrada, integración na frase (aternancias interfrásticas, intrafrásticas e interenunciados), nivel discursivo da alternancia (discurso directo, discurso indirecto, discurso referido e intertexto) e balizamento (cursiva, maiúsculas, aspas, repetición, enumeración, tradución, redundancia bilingüe, reformulación parafrástica, explicación e comentario metalingüístico).

En canto ás variables de función contemplamos dúas grandes categorías: o “efecto do real”, no que se inclúe a polifonía do discurso e a ancoraxe referencial e o “efecto de obra” que conta con dez modalidades (precisión léxica, ironía, parodia, énfase, intertexto, xogo de palabras, neoloxismos, paronomasia bilingüe, aliteración e transcrición fonética).

A descrición exhaustiva das diferentes manifestacións da alternancia de códigos na obra de Luz Pichel permite caracterizar o texto heterolingüe producido no espazo xeocultural galego, marcado pola diglosia, como produto dunha constante re enunciación que, redefinindo o concepto de subalternización, amosa unha relación indisociable entre unha concepción alternativa da lingua e un proxecto estético.

A heteroxeneidade manifesta da experimentación lingüística revela, sen dúbida, a confusión de identidades e, ao mesmo tempo, un militantismo lingüístico que rexeita as liñas divisorias baseadas na etnicidade. En último termo, este tipo de escritura reivindica o carácter da linguaxe non como construción ideolóxica, senón como construción do discurso.
TipoComunicación
HorarioVenres 15 de xuño | 18:00 - 18:30 | Aula: B3