Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloA evolución dos adverbios de certeza en galego: un achegamento á(s) historia(s) de certa-, real- e seguramente
AutoríaVítor Míguez (Instituto da Lingua Galega / Universidade de Santiago de Compostela)
ResumoNesta presentación trátanse tres adverbios do galego (certamente, realmente e seguramente), que comparten dous trazos: (i) foron formados con base nun adxectivo a través do sufixo -mente e (ii) teñen ou tiveron a necesidade epistémica, i.e. certeza, como un dos seus significados. O obxectivo desta presentación é mostrar como estes ítems evolucionaron no tempo e desenvolveron funcións modais e discursivas.

Os tres adverbios examinados compórtanse como adverbios verbais durante a Idade Media. O significado primitivo do adverbio predí en que posición da escala epistémica se situará o adverbio no seu tránsito cara á modalidade: os significados ‘de maneira efectiva’ (certamente, realmente) e ‘con confianza’ (seguramente) levan á proposición de inferencias de factualidade, i.e. necesidade epistémica, o posto máis alto na escala. Estes adverbios sofren un proceso de contrucionalización como marcadores epistémicos durante a Idade Media e tórnanse moi frecuentes de 1880 en diante. O estudo céntrase nos procesos que teñen lugar durante o período moderno (1880-2010).

Como marcadores de certeza, cada ítem segue un camiño evolutivo diferente que garante a súa viabilidade no galego moderno. Por unha banda, certamente e realmente desenvolven significados contrastivos diferentes (concesivo e adversativo, respectivamente), resultado da función dialóxica inherente ás formas de certeza. Ademais, estes valores contrastivos determinan a súa función retórica e a subsecuente evolución cara a marcadores discursivos. Por outra banda, seguramente é degradado na escala epistémica mediante unha mudanza construcional que implica a semanticización de ‘moi probabelmente’ e serve para encher un espazo previamente baleiro na rede modal epistémica. Os datos suxiren que esta última mudanza é moi recente (primeira metade do século XX), en contraste coa cronoloxía proposta por outras autoras para a mesma mudanza do cognado español (ca. século XVIII).
TipoComunicación
HorarioMércores 13 de xuño | 16:30 - 17:00 | Aula: C3