Ficha completa
Título | A adquisición da competencia bilingüe no alumnado de educación infantil en Galicia |
---|---|
Autoría | Ana Iglesias Álvarez (Universidade de Vigo) |
Resumo | O obxectivo da nosa investigación radica en estudar o nivel de competencia lingüística do alumnado dos primeiros niveis educativos en Galicia (educación infantil e primaria). Con este fin, dividimos o traballo en dúas partes. En primeiro lugar, analizamos cales son as vías de entrada de cada unha das linguas ás que están expostos os nenos e nenas, en función do tipo de hábitat (rural e urbano). Para a recollida de datos, empregamos un cuestionario que se distribúe entre as familias e que está formado por preguntas relativas á lingua predominante no fogar e nos outros axentes de socialización. Os resultados analizámolos mediante o programa estatístico SPSS. Esta información complétase coa análise do uso lingüístico nos centros educativos onde están escolarizados os informantes. Por outra parte, xa desde unha perspectiva cualitativa, entrevistamos a unha selección de nenos e nenas de cada grupo estudado, co fin de medir a súa competencia lingüística de forma directa. A entrevista dividímola en dúas partes, de xeito que na primeira intentamos que o neno/a fale da forma máis espontánea posible, a partir de cuestións sobre a súa vida cotiá; mentres que na segunda parte pedímoslle que identifique unha serie de imaxes, co fin de avaliar o seu nivel de vocabulario en cada idioma. Os resultados poñen de relevo a maior competencia bilingüe, en galego e castelán, que acada o alumnado do hábitat rural; mentres que no hábitat urbano o bilingüismo é moito máis tardío e parcial. Isto lévanos a reflexionar sobre o modelo de ensino bilingüe que se está aplicando actualmente en Galicia, analizando se se trata de programas de inmersión, submersión ou mantemento, segundo os casos e en función dos diferentes factores implicados, como a lingua familiar, a lingua maioritaria no contorno, a lingua de escolarización, etc. |
Tipo | Comunicación |
Horario | Venres 15 de xuño | 16:30 - 17:00 | Aula: B4A |