Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloSocialización bilingüe infantil en Galicia: estratexias de cortesía nun aula de Educación Infantil
AutoríaMarta Díaz Ferro (Universidade de Vigo)
ResumoA presente comunicación nace da miña tese doutoral en curso sobre a socialización bilingüe infantil; a metodoloxía adoptada baséase na etnografía interaccional. Os datos conversacionais obtivémolos mediante gravación de audio e observación semi-participante nunha aula de E.I. dunha escola pública, D. Rodríguez Castelao, nas aforas da cidade de Vigo, zona maiormente castelán-falante. Trátase dunha investigación lonxitudinal de dous anos de duración (cursos escolares 2015-2016 e 2016-2017) con vinte cinco nenos e nenas que proveñen de familias castelán-falantes, agás dous deles, cuxas familias son bilingües galego-castelán. As interaccións, posteriormente transcritas e analizadas, pertencen a unha das rutinas escolares máis importantes, coñecida como Tempo de Asemblea e divídense en dous grupos, pertencente cada un deles a cada un dos cursos escolares: dezaoito correspóndense ao curso 2015-2016, cando os nenos tiñan 4 anos; e dezanove corresponden ao curso 2016-2017, cando eses mesmos nenos teñen 5 anos. O obxecto de estudo son as estratexias conversacionais que emprega a mestra, quen ten o galego como código base con alternancias en castelán, nas interaccións cos nenos durante esa rutina escolar; entre estas estratexias, destacan o uso de formas diminutivas en ambas linguas, as instrucións verbais á hora de dirixir as actividades realizadas, as chamadas de atención. Nesta comunicación prestaremos especial atención ás estratexias de reforzo da imaxe positiva e negativa, tanto da clase en conxunto como dos nenos en particular. Os datos observados ata o momento amosan un maior uso deste reforzo por parte da mestra ao comezo do primeiro dos cursos escolares, que vai diminuíndo levemente a medida que avanza o tempo e os nenos van sendo máis independentes; isto pode deberse a que van desenvolvendo unha maior soltura á hora de participar, e que ademais fano de xeito aceptable, polo que esa continuidade dese reforzo das imaxes positiva e negativa vai sendo menos necesario.
TipoComunicación
HorarioVenres 15 de xuño | 16:00 - 16:30 | Aula: B4A