Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloGrafías innovadoras na linguaxe non sexista: unha proposta para a súa etiquetaxe automática
AutoríaEva María Domínguez Noya (USC/CIRP)
Fco. Mario Barcala Rodríguez (NLPgo Technologies, S.L.)
ResumoNas últimas décadas prodúcense casos de confusión entre sexo, trazo extralingüístico, e xénero, categoría gramatical. Un sector da poboación entende que o masculino considérase termo non marcado da oposición xenérica debido a unha visión androcéntrica, ou sexa, por seren tradicionalmente os homes os que posuían o poder, e vese como unha evidencia machista que se debe desbotar. Así, ese sector non sente que as diferentes identidades xenéricas estean representadas no masculino empregado como termo non marcado. Cómpre entón loitar para acadar a igualdade entre homes e mulleres tamén dende a lingua, facendo visible o xénero feminino por unha banda, mais tamén anulando a distinción xenérica como elemento clasificador dual. Como logralo?

Entre as opcións que se propoñen destacan a duplicación dos termos (os alumnos e as alumnas), a escolla dun termo aglutinador (o alumnado) e a introdución de grafías innovadoras: 1) aquelas que inclúen explicitamente os dous xéneros (os/as alumnos/as); 2) as que crean artificialmente un termo que engloba tanto o masculino coma o feminino (@s alumn@s); e 3) aquelas que superan o binomio masculino/feminino (xs alumnxs, *s alumn*s), entendendo o xénero como un contínuum que non se debe constrinxir.

De todos é sabido que as duplicacións atentan contra o principio de economía lingüística, ademais de resultar molestas e pesadas para o lector/oínte, mais non teñen repercusións ulteriores no recoñecemento automático dun texto. Agora ben, a introdución de grafías inclusivas modifica substancialmente a situación, pois coa súa inserción xorden formas que non existen nos dicionarios, polo que se dificulta a súa identificación e caracterización automáticas.

O obxectivo desta contribución é describir a solución adoptada no sistema XIADA para facilitar o recoñecemento e caracterización no CORGA etiquetado das formas resultantes de empregar as diversas fórmulas innovadoras para a indeterminación/ambigüidade xenérica non sexista.
TipoPoster
HorarioXoves 14 de xuño | 11:30 - 13:00 | Aula: Vestíbulo C