Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloVariación e normativización no galego
AutoríaEva María Domínguez Noya (USC/CRPIH)
María Sol López Martínez (USC/CRPIH)
María Caíña Hurtado (USC/CRPIH)
ResumoA variación é unha característica de todas as linguas. Neste senso, a lingua galega non é unha excepción, mais presenta aspectos específicos por mor da situación histórica. Ao longo do século pasado houbo varios intentos para unificar a ortografía, aínda que os resultados non foron de todo exitosos, pois como todos sabemos o galego non dispuxo de normativa oficial ata 1982.

A lingua galega estivo durante séculos apartada dos estamentos oficiais, administración, ensino, medios de comunicación etc. Coa aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e o recoñecemento do galego como lingua oficial da comunidade, cómpre achegar unhas normas que favorezan a normativización da lingua para ser utilizadas polos diferentes estamentos da sociedade galega. É así que no 1982 apróbanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, revisadas e modificadas posteriormente no 1995 e no 2003 para lograr un maior acordo.

Aos varios intentos de unificación ortográfica producidos ao longo do século pasado hai que engadir unha normativa oficial na que ata en dúas ocasións se produciron pequenas modificacións que veñen incrementar aínda máis a variación ortográfica. Mais, a maiores, hai que sumar tamén a presión do castelán sobre a propia ortografía do galego.

Os textos que se producen en lingua galega ao longo do S. XX dan conta desta variación tanto léxica como ortográfica. O Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), constituído por textos de diversa tipoloxía (xornalísticos, ensaísticos etc.) que abranguen temporalmente dende o ano 1975 ata a actualidade, reflicte perfectamente a variación gráfica da que falamos e a progresiva normativización do galego.

Así pois, o obxectivo deste relatorio é describir e analizar os avances no proceso de normativización da lingua, a partir de exemplos concretos extractados do CORGA, contando naturalmente coas modificacións que se levaron a cabo dende a aprobación da primeira normativa oficial.
TipoComunicación
HorarioXoves 14 de xuño | 16:30 - 17:00 | Aula: B5