Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloCaracterísticas da escrita medieval galega na documentación notarial da segunda metade do século XIII
AutoríaPedro Dono López (Universidade do Minho)
ResumoA documentación notarial medieval galega ten atraído nos últimos tempos a atención da investigación filolóxica, co resultado de numerosas contribucións e, nomeadamente, edicións de textos, con especial atención aos testemuños do período de emerxencia do romance na escrita instrumental (cf., a título de exemplo, os traballos de Souto Cabo 2008 ou Boullón & Monteagudo 2009). Dispormos dun continxente importante de (nova) documentación editada con garantías, deberá impulsar unha (nova) abordaxe de fenómenos estudados a miúdo partindo de textos editados deficientemente. É nosa intención atender, con este contributo, aos usos gráficos que se verifican na documentación notarial do período inmediatamente posterior ao de emerxencia (para unha análise escriptográfica de textos desta época poden consultarse Lorenzo 2007 ou o traballo xa referido de Boullón e Monteagudo), aquel que podemos designar como de consolidación do romance galego na escrita instrumental. Prestaremos atención, en concreto, aos principais trazos definitorios da nova escrita neste período, tomando como referencia documentación tabeliónica ourensá, principalmente dos notarios que actuaron nas terras medievais de Orcellón, Búbal, Castela e Bolo de Senda. Pretendemos presentar, así, as características máis salientables da escrita notarial e a súa evolución ao longo do último terzo do século XIII, a partir dun conxunto documental que procede fundamentalmente das institucións monásticas. O noso interese vaise centrar na análise dos aspectos diferenciais da nova scripta (fronte á latina), tales como a representación da nasalidade vocálica, dos elementos sibilantes, das consoantes palatais lateral e nasal, ou da nasalidade en posición final de palabra.

Referencias bibliográficas:

Boullón Agrelo, Ana Isabel; Henrique Monteagudo (2009): De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260. Santiago de Compostela: Universidade.

Lorenzo, Ramón (2007): “Os notarios e a lingua nos comezos da escrita documental en galego”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Na nosa lyngoage galega. A emerxencia do galego como lingua escrita da Idade Media. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega, pp. 313-372.

Souto Cabo, José António (2008): Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII (Monografía 5 da Revista Galega de Filoloxía). A Coruña: Área de Filoloxías Galega e Portuguesa do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade.
TipoComunicación
HorarioXoves 14 de xuño | 10:00 - 10:30 | Aula: C2