Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloÁreas léxicas no noroeste peninsular desde unha aproximación dialectométrica
AutoríaMarta Negro Romero (Instituto da Lingua Galega - Universidade de Santiago de Compostela)
ResumoOs atlas lingüísticos constitúen unha excelente fonte para a realización de estudos que permiten coñecer a variación lingüística nos distintos niveis de análise, unha vez que rexistran nas súas cartas as variantes recorrentes en determinada área. Para o territorio peninsular contamos co Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) (1934), unha das aspiracións máis importantes de Ramón Menéndez Pidal, coa que pretendía coñecer e deslindar variedades peninsulares do territorio ibero-romance. O ALPI ofrece numerosos datos organizados onomasioloxicamente, que permiten, por un lado, realizar análises puntuais de cada dominio e, polo outro, posibilitan a elaboración de estudos comparativos das diversas áreas.

A finalidade deste traballo é presentar os resultados da análise dialectométrica da distribución territorial no noroeste peninsular das variantes léxicas existentes no ALPI para designar un numero significativo de conceptos. Concretamente, estudamos as denominacións rexistradas en 181 puntos de Galicia, norte de Portugal, Asturias, occidente leonés e norte de Cáceres. Esta área xa foi foco de atención dos primeiros estudos dialectolóxicos realizados a nivel peninsular, por convivir nela distintas variedades románicas, alén de existir unha gran diversidade lingüística.

Nun estudo previo de carácter cualitativo sobre léxico do corpo humano nesta mesma área, realizado en coautoría co profesor Xulio Sousa, verificamos que as áreas portuguesa e castelá son bastante compactas, mentres que a galega presenta unha maior variedade denominativa. A área astur-leonesa rexistra ou a mesma variación que a galega ou formas que lle son propias. De feito, nuns casos encontramos as mesmas denominacións que no territorio galego-portugués e noutros que no castelá, pero debido ao escaso número de mapas utilizados non puidemos concluír a súa integración nunha área lingüística ou noutra. Hans Goelb (2013) aproxímaa á castelá tras a análise dialectométrica dos datos do ALPI rexistrados no único volume publicado. Polo tanto, con esta nova análise cuantitativa pretendemos poder establecer as áreas léxicas existentes no territorio seleccionado.



Palabras chave: Xeografía lingüística, léxico, ALPI, dialectometría

Referencias bibliográficas

- Álvarez Pérez, Xosé Afonso (2015): “Isoglossas portuguesas nos materiais do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica: análise crítica da Nova Proposta de Lindley Cintra”, Zeitschrift für romanische Philologie, 131 (1), 185-223.

- Fernández-Ordóñez, Inés (2011): La lengua de Castilla y la formación del español. Madrid: RAE.

- Goelb, Hans (2013): “La dialectometrización del ALPI: rápida presentación de los resultados”, en Emilia Casanova Herrero / Cesáreo Calvo rigual (eds.), Actas del XXVI Congreso internacional de Lingüística y de Filología Románicas. Berlin / Boston: De Gruyter, 143-154.

- Juliá Luna, Carolina (2011): Variación léxica en los nombres de las partes del cuerpo. Los dedos de la mano en las variedades hispanorrománicas. Frankfurt am Maim: Peter Lang (Colección: Studien zur romanischen Sprachwissenschaft und interkulturellen Kommunikation, vol. 79).

- Tomás Navarro, Tomás (ed.) (1931-1954): Atlas Lingüístico de la Península Ibérica [material inédito].
TipoComunicación
HorarioXoves 14 de xuño | 18:30 - 19:00 | Aula: C1