Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloEu teño amigas que fan iso: identidades femininas e ideoloxías feministas mainstream
AutoríaNoemi Basanta Llanes (Universidade de Santiago de Compostela / Universidade do Minho)
ResumoEsta comunicación ten por finalidade definir os procesos de construción de xénero que manifesta un grupo de tres amigas no contexto dunha conversa espontánea sobre a temática de ligar. Aséntase nos modelos teóricos do construcionismo social (Cameron 1998) e a performance (Butler 1990) que argumentan que as identidades son continxentes, isto é, un produto discursivo que xorde da intersección entre ideoloxías sociais e historias persoais. Este enfoque torna necesaria a aplicación dunha metodoloxía cualitativa que, no noso caso, se vincula coa disciplina da Sociolingu¨ística Interaccional (Gumperz 1982) e a Análise Crítica do Discurso (van Djik 1993, Fairclough 2003).

Exploraremos o xénero desde unha perpectiva interseccional por asumirmos que todas as identidades son o resultado dun proceso de co-contrucción que apela a diferentes macrocategorías sociais, tales como a clase, a etapa vital ou a etnicidade (Pichler 2009) á par doutras microcategorías máis específicas e moi orientadas cara o contexto interaccional inmediato. En particular, analizaremos o ideal de modernidade e a súa relación, non só coa feminidade que constrúe o grupo conversacional, senón tamén con discursos sociais que prescriben o rol de homes e mulleres durante o ligue heterosexual (Bucholtz & Hall 2004) e/ou manifestación pública do desexo (Cameron & Kulick 2003).

A finalidade última é podermos comprender como as identidades femininas se crean e modifican arredor da maneira en que se presenta a xestión da axencia durante o ligue, unha cuestión non exenta de ideoloxías variadas e confrontadas. Asistiremos, pois, ao choque discursivo entre aquelas que denostan a axencia feminina e apelan a un modelo tradicional ou “típico”, fronte a outras que reivindican o oposto. Analizaremos, non só os ideais que subxacen a cada unha das perspectivas senón tamén a construción identitaria de quen non se axusta ao “típico” mais tampouco está disposta a transitar pola alternativa. A través desta dialéctica, delimitaremos a ambivalencia da modernidade, reflectida en discursos que apelan á autenticidade, á autonomía, á igualdade, á liberdade, ó compromiso ou á realización persoal (Illouz 2012).
TipoComunicación
HorarioMércores 13 de xuño | 13:00 - 13:30 | Aula: B2