Ficha completa
Título | O futuro profesorado de Educación Infantil como modelo de lingua: análise de producións orais e percepcións da competencia lingüística en galego |
---|---|
Autoría | Iria Sobrino-Freire (Universidade da Coruña) Renée DePalma (Universidade da Coruña) María-Helena Zapico-Barbeito (Universidade da Coruña) |
Resumo | Esta comunicación aborda o papel do futuro profesorado como modelo de lingua galega. Na situación sociolingüística actual, se se pretende que a escola contribúa efectivamente a un proceso de revernacularización, cómpre que os/as docentes posúan unha competencia lingüística axeitada, cuestión para a cal resulta imprescindíbel que o profesorado en formación tome conciencia das súas necesidades de aprendizaxe. O noso traballo proponse precisamente explorar como desde a universidade se pode fomentar esta reflexión, a través dun proxecto de investigación acción participativa. Nos últimos anos o perfil sociolingüístico maioritario entre o estudantado do Grao en Educación Infantil na UDC é o dunha persoa que ten o castelán como lingua inicial e habitual. Entre eles/as, un número importante presentan unha competencia en galego escasa ao chegaren á universidade. Por outra parte, o plan de estudos da UDC non inclúe ningunha materia destinada ao perfeccionamento das habilidades lingüísticas. Neste contexto, a materia "Didáctica da lingua galega" acaba por constituír o único foro en que reflexionar cos alumnos/as sobre a importancia de que na súa futura praxe profesional actúen como modelos de lingua. A actividade observada realízase durante as primeiras semanas do curso, e consiste en que cada estudante grava un monólogo en vídeo e avalía as producións dos seus compañeiros/as. Ademais, ao final do curso, o alumnado responde a un cuestionario sobre a percepción da súa propia competencia lingüística. A análise dos resultados do primeiro ciclo da investigación conduciu á formulación de dúas propostas: por unha parte, a creación de grupos mixtos entre o alumnado, integrados por persoas con diferentes niveis de competencia autopercibida, para propiciar unha maior aprendizaxe no proceso de avaliación por pares; por outra, introducir cambios na ficha de avaliación para evitar problemas co emprego da metalinguaxe. Estas melloras foron introducidas no segundo ciclo de investigación, desenvolvido no curso actual. |
Tipo | Comunicación |
Horario | Mércores 13 de xuño | 15:30 - 16:00 | Aula: B2 |