Ficha completa
Título | Alternancia de quentar e quecer en construcións causativas do galego |
---|---|
Autoría | María Beatriz Domínguez Oroña (Instituto da Lingua Galega/Universidade de Santiago de Compostela) |
Resumo | Palabras clave: alternancia causativa, pares supletivos, variación Os verbos quentar e quecer pertencen a un grupo de verbos do galego que presentan alternancia causativa supletiva (Comrie, 1981; Haspelmath, 1993). Este tipo de alternancia dáse cando se empregan dous verbos diferentes, neste caso quentar e quecer, para construír dous esquemas sintáctico-semánticos que presentan un mesmo significado básico pero que se opoñen polo trazo [± causativo], de tal xeito que o obxecto da construción causativa é o suxeito da anticausativa: o neno quenta o leite / o leite quece. En ocasións, no galego, este tipo de alternancia causativa muda ao adquirir o predicado anticausativo propiedades causativas: o neno quece o leite. Entre os obxectivos desta investigación, encontránse: coñecer o funcionamento da alternancia causativa no par quentar/quecer, describir as características sintáctico-semánticas da construción causativa de quecer e identificar as circunstancias que propiciaron a súa aparición. Ademais, a partir do estudo dun caso concreto, pretendemos contribuír ao coñecemento xeral das formas de expresión da alternancia causativa. Para a consecución destes obxectivos realizamos unha análise cuantitativa e cualitativa dunha enquisa de aceptabilidade lingüística, difundida por internet, en que preguntamos por determinados enunciados de quentar e quecer. Da análise dos resultados, destacamos a elevada porcentaxe de aceptación da construción causativa de quecer, se temos en conta que os dicionarios de lingua galega recollen este verbo como intransitivo e, polo tanto, anticausativo; e as distancias porcentuais na aceptación de diferentes enunciados con quecer causativo, o que pode sinalar unha especialización semántica deste verbo ou o contexto crítico de expansión da súa construción causativa. Comrie, Bernard (1981): Language Universals and Linguistic Tipology. Oxford: Blackwell. Haspelmath, Martin (1993): "More on the tipology of inchoative/causative verb alternations", en Bernard Comrie / Maria Polinsky, Causatives and transitivity. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing co. |
Tipo | Comunicación |
Horario | Mércores 13 de xuño | 16:30 - 17:00 | Aula: C2 |