Ficha completa
Título | Modelos lingüísticos e variación no vocalismo galego. |
---|---|
Autoría | Alba Aguete Cajiao (Instituto da Lingua Galega, Universidade de Santiago de Compostela) |
Resumo | Os cambios sociolingüísticos no panorama galego das últimas décadas levaron á aparición de neofalantes, novos falantes de galego en ambientes urbanos (Ramallo 2013), e de novos modelos fonéticos (González, 2008), percibidos como pouco auténticos e distanciados dos patróns fonéticos do galego tradicional (Regueira, 2012). Unha das características más salientables atribuídas a estes novos modelos é a non distinción entre as vogais medias altas e medias baixas (/e/-/ɛ/, /o/-/ɔ/) do galego tradicional, polo que a realización deste contraste gañou, na actualidade, un valor identitario de pertenza a unha clase de falantes máis “auténticos” (Regueira, 2012) personalizados na figura do paleofalante, ou falante nativo. O obxectivo desta proposta é comprobar se existen diferenzas na produción do citado contraste fonolóxico entre estes dous tipos de falantes. Para isto realizamos un estudo acústico de produción de pares mínimos (ex. [ˈes̺e̝] “demostrativo” - [ˈɛs̺e̝] “letra”, ou [ˈos̺ʊ] “animal” - [ˈɔs̺ʊ] “esqueleto”) con estudantes universitarios galegos con estes perfís lingüísticos. Os resultados preliminares revelan a existencia de heteroxeneidade intragrupal (neofalantes e paleofalantes), e destacan a importancia doutros factores, como o hábitat de procedencia, na variación do vocalismo galego. Referencias: GONZÁLEZ, M. (2008) «O novo galego urbano», en BREA, M./F. FERNÁNDEZ REI/X. L. REGUEIRA (eds). Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina. Santiago de Compostela: USC, 363-374. RAMALLO, F. (2013) «Neofalantismo», en GUGENBERGER, E., MONTEAGUDO, H., REI-DOVAL, G. (eds). Contacto de linguas, hibridade, cambio: contextos, procesos e consecuencias. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega e Instituto da Lingua Galega. REGUEIRA, X. L. (2012) «Autenticidade e calidade da lingua: purismo e planificación lingüística no galego actual». Estudos de Lingüística Galega 4. |
Tipo | Comunicación |
Horario | Xoves 14 de xuño | 16:30 - 17:00 | Aula: C6 |