Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloEstilo conversacional de pandilla
AutoríaNoemí Giráldez Pérez (Universidade de Vigo)
ResumoEste traballo consiste na recollida e posterior análise dunha serie de conversas orais prototípicas inseridas dentro dun ambiente xuvenil, baseándonos na perspectiva interpretativo-interaccional de Gumperz. Observaremos como se constrúen as identidades discursivas, como se desenvolven os temas tratados, o estilo empregado e os roles que adoptan os participantes dentro do grupo. Así mesmo, tamén repararemos no proceso de negociación das identidades de xénero e idade. Os obxectivos deste traballo son, en primeiro lugar, identificar as características do estilo conversacional de pandilla. En segundo lugar, analizar as especificidades da fala xuvenil respecto da fala coloquial xeral e cuestionar a relevancia que acada o léxico. Outra meta será fundamentar algunhas teorías emerxentes sobre os novos roles discursivos da muller. A análise permite observar que os temas tratados están estreitamente ligados ás metas discursivas. A distribución de turnos levouse a cabo mediante autoselección e os temas engarzáronse mediante o fío conector do humor, case sempre transgresor. O estilo conversacional de pandilla caracterízase por un gran dinamismo conversacional e un elevado ritmo de fala, cuxa finalidade é manter certo grao de exaltación mediante a frecuente construción de narracións hipotéticas, xogos de voz, xogos de palabras ou o emprego de tabús sociais como núcleo temático, entre outros recursos. En canto ós estilos conversacionais, baseándonos nas normas socioculturais do que é ser “conversacionalmente home” e “conversacionalmente muller”, os interlocutores masculinos amosan estilos prototipicamente masculinos, isto é, unha produción transgresora e competitiva, en constante procura da reafirmación do estatus dentro do grupo. Pola contra, a única muller participante amosa unha feminidade transgresora (Acuña Ferreira, 2012), pois o seu discurso non se amolda ó estereotipo da fala de mulleres, caracterizado por un comportamento cortés e un estilo delicado, pouco directo e nada transgresor. En todo caso, cada vez con máis frecuencia, os repertorios estilísticos posúen unha maior hibridación.
TipoComunicación
HorarioMércores 13 de xuño | 12:00 - 12:30 | Aula: B2