Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloA quinésica fainos rir: metaforización quinésica en narrativas persoais humorísticas
AutoríaAitor Rivas Rodríguez (Universidade de Vigo)
ResumoDentro dunha análise multimodal da comunicación, en moitas ocasións a xestualidade pode servir como delimitador entre un tipo de discurso e outro. A partir da concepción da lingua oral como unha tripla estrutura básica conformada pola linguaxe, paralinguaxe e quinésica (Poyatos, 1994), podemos observar que a quinésica ten unha importante capacidade categorizadora grazas á súa función actualizadora e metaforizadora que serve frecuentemente para presentar momentos de grande intensidade humorística nas narrativas persoais. A nosa metodoloxía de traballo baséase nas propostas de análise de comunicación non verbal e de multimodalidade formuladas por Birdwhistell (1970), Poyatos (1994), Bouvet (2001) e Galhano Rodrigues (2007). O corpus de estudo para este traballo está formado por gravacións orais de falantes nativos de galego, éuscaro, catalán, castelán e portugués. A través da gravación e análise dalgúns fragmentos significativos destas cinco narrativas persoais humorísticas, repararemos na alta capacidade metafórica dos procedementos cinésicos e a súa importancia para a configuración do marco humorístico (Diz Ferreira, 2017). Do mesmo xeito, na nosa comunicación pretendemos individualizar aqueles elementos quinésicos (particularmente os relacionados cos emblemas, inclinación da testa, posición e dirección ocular e xestos manuais) que asumen unha función delimitadora e preparadora dos momentos humorísticos. Por último destacaremos o seu labor de acompañamento dos momentos especialmente significativos da narrativa, así como tamén a súa contribución para provocaren o riso dos oíntes no transcurso das narrativas persoais humorísticas.
TipoComunicación
HorarioMércores 13 de xuño | 17:30 - 18:00 | Aula: B4A