Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloAs linguas na educación non formal na Comarca de Santiago de Compostela
AutoríaMartín Vázquez Fernández (Universidade de Vigo / Seminario de Sociolingüística da RAG)
ResumoEsta comunicación presenta un avance de resultados do proxecto de investigación As prácticas lingüísticas na infancia que está a levar a cabo o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Nel analízase como se desenvolven as interaccións lingüísticas dos infantes galegos nos seus principais contextos de socialización primaria e secundaria. En concreto, centrámonos nun contexto de socialización pouco traballado na sociolingüística galega, os programas de educación non formal na Comarca de Santiago de Compostela.

Estes ámbitos de socialización –actividades educativas programadas, programas de conciliación familiar, campamentos de verán etc.–, nun punto intermedio entre a educación formal e a socialización dos iguais, están pouco traballados por seren relativamente novos. A crecente importancia destes contextos na adquisición de competencias e formación de hábitos lingüísticos está vinculada, fundamentalmente, a transformación da familia no seu papel de axente socializador que ten como unha das súas consecuencias un maior tempo de exposición dos nenos e nenas a estes contextos. O interese radica en observar as dinámicas sociolingüísticas da infancia na educación non formal nun contexto caracterizado pola interrupción da transmisión lingüística da lingua galega e unha recente monolingüización en castelán que atinxe ás persoas das franxas máis novas de idade.

Os obxectivos da investigación son: obter información sobre as prácticas lingüísticas nestes contextos, tanto do persoal como dos infantes; analizar as características sociolingüísticas do persoal que traballa nos programas de conciliación da vida familiar e laboral, as súas actitudes lingüísticas e o papel das linguas na súa labor profesional; e estudar a influencia dos diferentes niveis de política lingüística sobre as prácticas lingüísticas nestas actividades.

Para iso elaboráronse doce entrevistas en profundidade a diferentes grupos de persoas –persoal educativo, coordinadores e programadores educativos e responsables da administración– e un grupo de discusión con monitores. Tamén se administrou un cuestionario sociolingüístico ao persoal educativo coa finalidade de complementar o perfil deste grupo profesional. Complementariamente, recompilouse información a través da revisión documental de distintas fontes —decretos, ordenanzas municipais, guías de formación de persoal educador etc.

A análise destes materiais amosa un campo complexo de prácticas lingüísticas onde se mesturan as escollas individuais dos profesionais, unhas veces mediadas por unha conciencia pedagóxica outras directamente ligadas á súa práctica diaria, coas políticas lingüísticas explícitas de empresa, vinculadas ás ordenanzas municipais e ao compromiso coa lingua galega das propias organizacións.
TipoComunicación
HorarioVenres 15 de xuño | 15:30 - 16:00 | Aula: B4A