Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloO neofalantismo e o suxeito neofalante
AutoríaFernando Ramallo (Universidade de Vigo)
ResumoNesta achega presentamos unha proposta teórica do neofalantismo, entendido como un acontecemento político emancipador. Para iso, partimos da necesidade dunha aproximación radical ao suxeito neofalante. Acreditamos en que o neofalantismo constitúe un desafío á orde simbólica na medida en que comporta unha praxe “inesperada”, artellada, consciente ou inconscientemente, desde unha concepción conflitiva e non consensualista do bilingüismo. A súa aparición colide coa versión hexemónica da lingüística, en tanto que saber disciplinado sometido e artellado arredor dun falante nativo abstracto, responsábel indirecto de moitas consideracións positivistas sobre as linguas. Fronte a ese falante tradicional, coexisten diversas subxectividades de “novos falantes” arredor dunha complexidade formal e funcional que fai difícil a súa caracterización como unha unidade conceptual. Neste sentido, adoita dicirse que neofalante é toda persoa que fala unha lingua aprendida fóra da socialización primaria, nomeadamente no sistema educativo, mais tamén como consecuencia de desprazamentos xeográficos, integración en novas redes sociais ou por razóns laborais, por citar algúns exemplos. Agora ben, para nós esta consideración ampla resulta inadecuada. Por iso, optamos por abordar o suxeito neofalante desde unha visión máis restritiva e próxima á súa orixe, isto é, un suxeito emerxente en situacións de minoración e conflito lingüístico. Así entendido, cómpre diferenciar entre “novo falante” e “neofalante”, identificando neste último a quen aprendeu a falar nunha lingua maioritaria e decide facerse falante activo dunha lingua minorada. Ademais de estar contribuíndo a mudar o imparábel devalo de falantes “nativos” de linguas minoradas, o neofalantismo é tamén un acontecemento que procura recuperar a verdade identificando as fendas do sistema. Na parte final, reflexionamos sobre o caso galego como exemplo de neofalantismo real, coas súas contradicións e afastamentos da achega teórica presentada.
TipoPanel: Claves para entender el multilingüismo contemporáneo
HorarioXoves 14 de xuño | 09:00 - 11:00 | Aula: B3