Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloNeofalantes e travestismo lingüístico: un experimento sociolóxico e didáctico sobre ideoloxías, obstáculos e persistencia
AutoríaEstefanía Mosquera Castro (Universidade da Coruña)
ResumoO neofalantismo (Ramallo 2013) é unha das liñas de investigación lingüística que maior interese está a xerar nas últimas décadas no marco dos estudos sobre a lingua galega, mais as aproximacións desde o ámbito da Educación son aínda moi minoritarias, a pesar de que no contexto sociolingüístico actual a aprendizaxe formal supón a principal vía de acceso á competencia comunicativa nesta lingua para as faixas etarias de menor idade. Desde esta óptica, non tería sentido aplicar unha caracterización restritiva do termo, de modo que asumimos como neofalantes aquelas persoas que sendo inicialmente falantes da lingua maioritaria “deciden utilizar, en maior ou menor medida, a lingua minoritaria” (Tomé Lourido & Evans, 2017:101), o que permite distinguir diferentes perfís de falantes atendendo ao criterio de “intensidade do uso da lingua” (Ramallo & O’Rourke 2014:100).

Na presente investigación resultan de especial interese os de neofalante potencial –aquel que reúne as condicións elementais para selo– e o de neofalante funcional –aquel que utiliza a lingua minoritaria en contextos en que este é o idioma predominante pero que tamén emprega de forma habitual a maioritaria–, dado que consideramos que na populación menor de 22 anos a experiencia lingüística de ambos os perfís presenta carencias comúns motivadas polo sistema educativo actual que dificultan o cambio, tanto no que se refire a cuestións ideolóxicas como nas estritamente competenciais. Así, a nosa experiencia como docentes de lingua galega no grao en Educación Primaria constata un nivel baixo ou mesmo nulo de competencia en lingua galega e unhas aptitudes lingüísticas negativas no alumnado castelanfalante que inicia os seus estudos mais tamén no que os finaliza e que na teoría está capacitado para exercer a docencia neste idioma, neofalantes funcionais, e actuar como referentes lingüísticos.

E este é o contexto en que se enmarca a experiencia “travestismo lingüístico”, que consiste en que o alumnado castelanfalante adopte a lingua galega como único vehículo de comunicación en todos os ámbitos durante un período de 7 días. Os obxectivos principais son varios: por unha banda, mellorar a través da práctica a competencia lingüística de ambos os perfís –potenciais e funcionais- e que o alumnado repare nas dificultades que implica tanto a adopción da lingua minorizada, como a permanencia do galego como L1 nun contexto en que predomina a lingua maioritaria. E, por outra banda, sensibilizar o alumnado da importancia que tanto paleofalantes como neofalantes teñen para garantir o futuro da lingua e, neste sentido, contribuír a través dunha tarefa educativa para facilitar a mudanza daqueles neofalantes potenciais que dubidaban en dar o paso. Os resultados obtidos son certamente favorábeis, non só no tocante aos obxectivos estritamente didácticos que consideramos cumpridos, mais tamén –aínda que en menor medida– no que respecta ao desenvolvemento de estratexias que garantan o éxito e a permanencia na adopción do galego como lingua maioritaria.
TipoPanel: Neohablantes de lenguas de la península ibérica
HorarioVenres 15 de xuño | 09:00 - 11:00 | Aula: B3