Programa do CILX2018

Ficha completa

TítuloAs condicións do (pre)neofalantismo e o proceso de conversión lingüística en Galicia
AutoríaRubén Moralejo Silva (Universidade de Vigo)
Fernando Ramallo (Universidade de Vigo)
ResumoNesta comunicación presentamos os primeiros achados dunha investigación en marcha sobre os procesos de conversión lingüística en Galicia e a emerxencia de neofalantes. Mentres que a meirande parte das achegas no campo do neofalantismo adoitan orientarse cara á comprensión dos novos falantes de linguas minorizadas en tanto “produtos” dun proceso de conversión lingüística, máis ou menos consolidado, a nosa investigación asume unha perspectiva nova, consistente en atender ao propio desenvolvemento dos procesos concretos da muda lingüística, así como ao xeito no que estes procesos se artellan coas prácticas lingüísticas dos suxeitos e cos diversos contextos sociais. O estudo de caso é a mocidade galega, grupo social no que se atopan moitos a moitas neofalantes potenciais (Ramallo & O’Rourke 2014). En concreto, a nosa investigación ten como principal obxectivo analizar a praxe e as súas causas e consecuencias na construción da subxectividade dun grupo de estudantes universitarios falantes de castelán, mais potencialmente converxentes. Para iso, optamos por unha aproximación etnográfica ao alumnado de primeiro curso do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios impartido na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, un contexto a priori favorable para captar os procesos de conversión. Para acadar este propósito realizamos un seguimento das prácticas lingüísticas do alumnado tanto dentro como fóra da aula, incluída unha observación exhaustiva durante todo o curso académico 2017/2018 (particularmente, dentro da aula, pero tamén fóra), a realización de entrevistas en profundidade ou o seguimento do grupo a través das redes sociais. Con todo isto, pretendemos abordar a influencia das particularidades do contexto nos procesos de muda concretos dos suxeitos estudados (por exemplo, aqueles factores que poidan favorecer ou desalentar a conversión), como se relacionan as persoas “aspirantes” a convertérense en neofalantes co seu propio proceso de transformación lingüística e subxectiva, e que conclusións podemos extraer do seu estudo para comprender e situar o fenómeno do neofalantismo e a súa relevancia nas sociedades contemporáneas en xeral e nas linguas minorizadas en particular.
TipoPanel: Neohablantes de lenguas de la península ibérica
HorarioVenres 15 de xuño | 09:00 - 11:00 | Aula: B3